Sony presenta na Games Convention novos produtos para as súas consolas

venres, 24 de agosto do 2007 Marcus Fernández

A Games Convention de Leipzig serviu este ano para ver adiantos dos xogos que chegarán nos vindeiros meses así como para coñecer novidades do sector, destacando os anuncios da nipona Sony, que en colaboración con BT presentou unha solución coñecida coma Go!Messenger que permite facer chamadas de voz e vídeo, así coma enviar mensaxes dende a consola portátil PSP, e que chegará ó mercado en xaneiro de 2008.


Presentación do Go!Messenger na GC

O sistema inclúe un teclado sobre a pantalla para mandar mensaxes instantáneos, destacando o feito que entre usuarios da consola se poderán facer chamadas de voz e vídeo de balde. Para as aplicacións de vídeo será preciso contar coa cámara feita especificamente para a PSP que xa leva uns meses á venda.
Con esta nova prestación Sony busca frear o predominio de Nintendo nas consolas móbiles, pois a Nintendo DS está a ter un éxito de vendas moi importante (a nivel mundial estaría moi preto de dobrar en vendas á PSP).
Nun principio o Go!Messenger se lanzará en Reino Unido, Francia, Alemaña, Italia e España, antes de espallarse ó resto do mundo.


Presentación de PlayTV na GC

Pero as plataformas portátiles non foron o único obxecto das novidades de Sony, senón que tamén sorprendeu con PlayTV, un módulo para a PS3 que incorpora un sintonizador dual de TDT con soporte de alta definición con software de gravación, de xeito que permitirá ver, pausar e gravar programas de televisión, gravar unha canle mentres se ve outra e mesmo aproveitar a conectividade coa PSP para ver as gravacións dende a consola portátil.
Deste xeito, combinando o disco duro da PS3 e o seu lector de discos Blu-ray coa PlayTV teriamos un centro multimedia realmente potente, que nun principio se lanzará en Reino Unido, Alemaña, Italia, Francia e España a primeiros de 2008 e podería ser o mascarón de proa da alta definición nos salóns domésticos.
Pola desgraza, os anuncios de Sony non foron todos tan positivos, durante a presentación dos novos produtos, os responsables da compañía admitiron que a PS3 non reducirá o seu prezo en Europa nos vindeiros meses, apostando por paquetes con valor engadido para a súa comercialización.

PUBLICIDADE