Sorprendente lanzamento dun videoxogo para Dreamcast

xoves, 30 de novembro do 2006 Marcus Fernández

A finais dos 90 Sega lanzou unha consola de videoxogos realmente magnífica, que contou con xogos estrela coma o Shenmue, Virtua Tennis ou Crazy Taxi, pero que tivo a desgraza de saír un ano antes da aparición da PlayStation 2, polo que se viu eclipsada rapidamente e así a súa vida apenas superou o ano, producíndose un abandono masivo dos desenvolvedores de xogos para tal plataforma (especialmente polo feito de que eran doados de piratear).
Agora, 8 anos despois do lanzamento da Dreamcast, sorpréndennos co lanzamento dunha conversión dun xogo de recreativas para a vella consola. Así, Trigger Heart Exelica chegará para as vellas Dreamcast o 22 de febreiro de 2007, aínda que dubidamos que poida vender moitas copias, polo que parece que só quere facerse coa honra de ser o derradeiro xogo comercial para a consola de Sega.
Trigger Heart Exelica é un clásico xogo de naves no que se evita o choque cos inimigos (e os disparos que nos mandan) mentres se acaba con eles valéndose de 3 botóns: disparo normal, bomba e áncora (para capturar naves no aire ou bloquear as que están en terra).

PUBLICIDADE