Stable Audio 2.0 supón un importante salto na creación musical mediante IA

mércores, 3 de abril do 2024 Marcus Fernández

Normalmente estamos afeitos a ver intelixencias artificiais xenerativas que producen textos e imaxes, pero a música cada vez é máis susceptible á súa creación mediante IA, e Stability AI presenta unha importante mellora da súa tecnoloxía Stable Audio, que permite crear música a través de ordes de texto, e que xa non está limitada a creacións de 90 segundos de duración, senón que é capaz de xerar pistas de até 3 minutos de duración.
Concretamente Stable Audio 2.0 é quen de producir audio de alta calidade, con pistas completas cunha estrutura musical coherente de até 3 minutos de duración a 44,1 kHz en estéreo. Este novo modelo está baseado nunha biblioteca musical de máis de 800.000 ficheiros conseguida baixo licenza (polo que compensa aos creadores nos que se basea) e tamén conta con funcións de audio-a-audio para transformar mostras sonoras mediante ordes en linguaxe natural (o que pode empregarse, por exemplo, para a creación musical de calidade cantaruxando).
Para coñecer en profundidade este novo modelo podemos acudir á páxina web de Stable Audio e probalo nós mesmos.

PUBLICIDADE