Star Wars Battlefront II terá consolas PS4 e PS4 Pro de edición limitada

luns, 16 de outubro do 2017 Marcus Fernández

O 14 de novembro chegará ás tendas Star Wars Battlefront II, agardado xogo de Electronic Arts que chegará a PlayStation 4 dun xeito moi especial, xa que será posible adquirilo en lotes xunto coas consolas de Sony en edicións especiais limitadas.
O primeiro dos lotes consiste nunha PlayStation 4 Pro personalizada, con mando sen fíos DUALSHOCK 4 a xogo e un exemplar físico da edición de luxo soldado de elite de Star Wars Battlefront II. A Consola está decorada cos emblemas do Imperio Galáctico e da Resistencia, así como coa insignia do Escuadrón Infernal (escuadrón imperial de operacións especiais que aparece na campaña do xogo). O mando tamén conta cos emblemas do Imperio e da Resistencia. A edición especial do xogo permite tamén gozar do mesmo 3 días antes que a edición estándar, incluíndo tamén contido premium dixital.
A segunda edición limitada consiste nunha PlayStation 4 gris de 1 TB cos mesmos emblemas que a anterior no seu exterior e o mesmo mando DUALSHOCK 4.
Algunhas tendas tamén terán dispoñibles lotes de PS4 e PS4 Pro normais coa edición estándar de Star Wars Battlefront II en formato físico.

PUBLICIDADE