Steam advirte dos xogos en acceso anticipado que poden estar abandonados

mércores, 5 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

Steam advirte actualmente que Cavern King leva máis de 8 anos sen actualizarse

Dende 2013 a plataforma de venda de videoxogos para PC Steam ofrece a posibilidade de comercializar títulos que aínda están en fase de desenvolvemento no que se deu en chamar acceso anticipado, facilitando a creación de moitas xoias que gozaron de grande apoio da comunidade, pero con algún que outro fracaso como Cavern Kings, título que chegou a Steam en 2014 e leva máis de 8 anos sen actualizarse.
Ante tal situación resulta difícil crer que o xogo vaia ver a luz algún día, e por iso dende Steam decidiron mudar o xeito de etiquetar este tipo de xogos, e agora inclúen unha nota para advertir de casos nos que os xogos non estean a recibir a atención debida por parte do seus creadores.
Deste xeito, se alguén quere poder probar un xogo na súa fase de acceso anticipado pode asumir o risco dun xeito informado nos casos nos que haxa moitas probabilidades de que esteamos ante títulos abandonados ou de estudios de desenvolvemento que non estean a pasar por un bo momento.
Aínda que este tipo de indicación non parecía moi necesaria inicialmente, cando os xogos en acceso anticipado eran moi poucos e con certa atención por parte do público, na actualidade, con máis de dous centos de xogos lanzados ao mes baixo esta modalidade de edición (cunha chea de traballos que non chegan a transformarse nunca en xogos rematados). De feito, non sorprendería que no futuro Steam fose un paso máis adiante e decidise facer limpa de xogos abandonados na súa tenda dixital.