Steam inicia a transición de Greenlight a Direct

mércores, 7 de xuño do 2017 Marcus Fernández

A tenda dixital de videoxogos para PC de referencia é, sen dúbida, Steam, que conseguiu converterse no principal distribuidor no seu eido, o que supoña todo un reto para os desenvolvedores independentes, que tiñan que atopar fórmulas para entrar neste mercado dixital, para o que hai un lustro lanzouse Steam Greenlight, unha plataforma na que os usuarios podían amosar o seu interese por títulos indie para que, de captar a suficiente atención, puidesen darlles a luz verde para a súa publicación.
Aínda que esta fórmula foi unha saída a unha situación complexa, a solución non era precisamente óptima, e finalmente decidiron desbotala, de xeito que veñen de pechar as portas á recepción de solicitudes dentro deste programa, de xeito que as máis de 3.400 solicitudes que quedan pendentes entrarán en revisión nun período de transición que desembocará o vindeiro 13 de xuño no nacemento de Steam Direct.
Steam Direct pretende servir de canle de publicación cun funcionamento comprensible e predicible, de xeito que calquera desenvolvedor poida publicar os seus xogos en Steam mediante un procedemento establecido como acontece noutras tendas de aplicacións, sen a inestabilidade que supuña deixar parte do proceso nas mans dos usuarios. Para evitar que isto supoña o envío masivo de xogos de pouca calidade, establécese unha taxa de 100 dólares por xogo, cantidade que recuperarán os desenvolvedores se superan os 1.000 dólares en vendas.
Os desenvolvedores novos deberán agardar 30 días entre o pagamento da mencionada taxa e a publicación do seu primeiro xogo en Steam, para que poida verificarse a información do desenvolvedor.