Stellar Blade supera os 3 millóns de copias vendidas

martes, 17 de xuño do 2025 Marcus Fernández

O lanzamento de Stellar Blade para PC está a ser un éxito innegable, e este título que inicialmente era exclusivo para PlayStation 5, está actualmente a congregar ata entre 170 e 192 mil xogadores simultáneos a diario en Steam, tenda na que pode adquirirse o título por 69,99 euros na súa edición estándar.
A versión para PC deste traballo de Shift Up Corporation non só está a xuntar moitos xogadores en liña, senón que tamén está a triunfar entre a empresa conseguindo un 84 sobre 100 en Metacritic e as vendas tamén estarían a acompañar, pois veñen de anunciar que entre PS5 e PC superaron os 3 millóns de copias vendidas, polo que terían vendido máis dun millón de copias en só 3 días.
A nova versión de Stellar Blade incorpora soporte para monitores ultrapanorámicos (funcionara en proporcións dende 5:4 ata 32:9), DLSS 4, FSR 3, texturas de maior resolución para os escenarios, velocidade de fotogramas desbloqueada, soporte para mandos DualSense, 25 novos atavíos e outras melloras.