Steve Jobs aposta por eliminar a protección anticopia das cancións de iTunes

mércores, 7 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Se facemos caso de Steve Jobs, conselleiro delegado de Apple, nunha carta publicada na web da multinacional, a música que se merca pola Rede na súa tenda (iTunes) vai ser no futuro un pouco máis compatible e un pouco máis compartible (que non de balde). Referímonos loxicamente á tecnoloxía DRM da dita firma, esa que vai encamiñada a “frear” a piratería dixital e que impide que as cancións que se baixan na tenda iTunes se poidan escoitar en reprodutores alleos ós “autorizados”. O caso é que nos últimos tempos as voces de protesta non paran de medrar e de subir de volume, e mesmo convertidas xa en ameazas legais en toda regra.
Algo de efecto deberon provocar estas críticas, xa que Steve Jobs semella defender no seu comunicado o vieiro da compatibilidade, que pasaría por dicirlle adeus cun pano branco ós DRM e recibir cos brazos abertos un panorama no que calquera canción de calquera tenda en liña puidese ser escoitada en todo tipo de aparellos reprodutores.
O principal requisito, di Jobs, é que as discográficas (Sony BMB, EMI, Warner e Universal) dean o seu consentemento. Elas son ás que ó seu xuízo deben dar o primeiro paso e recoñecer que os sistemas DRM nunca serviron para pórlle freo á piratería, “e nunca servirán”. En tal caso, o único que se conseguiu até o de agora é poñerlle atrancos á que realmente pode ser a alternativa sólida e de futuro á gran industria musical: a venda de música na Rede a un prezo razoable.

PUBLICIDADE