Steve Jobs, candidato aos Príncipe de Asturias deste ano

xoves, 26 de febreiro do 2009 Raquel Noya

Jobs durante unha presentación celebrada o ano pasado

O presidente de Apple, Steve Jobs, vén de ser presentado como candidato aos Premios Príncipe de Asturias 2009 de Investigación Científica e Tecnolóxica por un grupo de empresarios asturianos que, sabedores ou non de que esta semana cumpre 54 anos, lle acaban de facer un dos mellores agasallos que lle puideron facer nunca.
A candidatura foi presentada o pasado día 24 deste mes de febreiro, xusto o día no que Jobs estaba de aniversario, pola Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Asturias (AGA), co apoio da Federación Española de Industrias Gráficas (FEIGRAF).
Este premio concédese, segundo as bases da Fundación Príncipe de Asturias, “á persoa, institución, grupo de persoas ou de institucións, cuxos descubrimentos ou labor de investigación representen unha contribución relevante para o progreso da Humanidade nos eidos das matemáticas, física, química, bioloxía, medicina, ciencias da terra e do espazo, así como técnicas e tecnoloxías relacionadas con elas”.
Neste senso, os responsables desta candidatura, veñen de afirmar que Steve Jobs, ten cabida na candidatura debido á “importancia do universo Mac nas artes gráficas, grazas á simplificación que supuxo a autoedición”.
Asemade, o presidente da AGA, Ángel Luis Fernández González, xustificou a candidatura de Jobs afirmando que “agora coincide co 25 aniversario de MAC e as especulacións sobre o estado de saúde do presidente (foi tratado por un cancro de páncreas no 2004) animan a facelo”.
Tanto a AGA como A FEIGRAF agardan poder conseguir máis adhesións de apoio a esta proposta antes da reunión do Xurado no vindeiro mes de abril. Polo de agora, xa se vén de unir ao apoio a web www.faq-mac.com.
Polo de agora, a recepción de apoios canalizarase a través da dirección de correo
stevejobs2m9@yahoo.es, ou ben a través de correo ordinario á seguinte dirección: Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Asturias, Federación Asturiana de Empresarios (FADE). Rúa Pintor Luis Fernández, 2. 33005 Oviedo (Asturias).

PUBLICIDADE