Super Mario Party venderase con mandos Joy-Con a partires do Black Friday

luns, 12 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Nos tempos da Wii o xogo máis popular era, sen dúbida, o Wii Sports, incluído coa meirande parte das consolas vendidas, pero sorprendía ver como outro dos xogos máis vendidos era moito menos representativo, Wii Party, que destacaban por comercializarse cun mando branco para a consola, de xeito que víase como un complemento perfecto da consola de Nintendo. Agora temos outro título que podería recibir un tratamento semellante, Super Mario Party, que aparte de facilitar o entretemento en familia nos seus 80 minixogos, e que está dispoñible dende primeiros do mes que vén, estreará o vindeiro día 23 (casualmente Black Friday) un lote que inclúe un xogo de mandos Joy-Con en cor verde neón e rosa neón.
O lote do xogo con mandos xa poden reservarse a un prezo de 109,90 euros, o que é un prezo moi axustado, xa que o prezo oficial do xogo sería de 59,99 euros, mentres que o mando está valorado en 79,99 euros, polo que a súa compra conxunta supón un aforro duns 30 euros.
Curiosamente nos EE.UU. os mandos incluídos con Super Mario Party son en cores verde neón e amarelo neón, que non están dispoñibles por separado, o que tamén podería ser un incentivo para mercar o lote, xa que terían certo toque exclusivo.

PUBLICIDADE