Super Nintendo World terá área dedicada a Donkey Kong

luns, 11 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Dende Nintendo teñen bastante clara a súa aposta polos negocios presenciais, e ao igual que abriron hai pouco o seu museo en Kioto, agora anuncian a ampliación de Super Nintendo World incorporando unha zona do parque de atraccións dedicada a Donkey Kong.
O parque de atraccións creado por Universal Studios no Xapón xa non limita os contidos de Nintendo a render homenaxe a Mario, senón que a partir do 11 de decembro tamén terá unha impresionante área dedicada a Donkey Kong, o que estará moi presente na decoración tropical da zona, así como nos tipos de xogos que estarán presentes, pois incluso poderá gozarse dunha versión xigante do clásico xogo de ritmo Donkey Konga. Tampouco faltará unha especie de montaña rusa lembrando ás fases de vagóns que había que superar en Donkey Kong Country.
A ampliación do parque de atraccións xaponés chegará coincidindo co cuarto aniversario de Super Nintendo World, espazo de atraccións que xa é todo un referente turístico no Xapón, e que para o ano que vén terá a súa réplica nos EE.UU.

Vídeo de presentación da nova área de Super Nintendo World