Suspenden o apagamento analóxico previsto para o 30 de xuño en Santiago de Compostela

xoves, 7 de maio do 2009 Marcus Fernández

A televisión dixital terrestre está a chegar con calma aos nosos fogares, e para promover a súa implantación estase a adiantar o apagamento analóxico en moitas zonas, e tras a experiencia piloto en A Fonsagrada, agardábase que o vindeiro 30 de xuño Santiago de Compostela e Ourense Leste desen este importante paso, de xeito que só se podería seguir a televisión a través do sinal da TDT nesas zonas, o que podería quedar só nunha intención, pois o Ministerio de Industria confirmou a La Voz de Galicia un cambio de plans, de xeito que o proceso quedaría aprazado, sen dar a coñecer unha data futura de aplicación.
Só faltarían un par de meses para o apagamento analóxico na zona de Santiago, pero as medidas precisas para adaptar a ampla área á que dá cobertura o centro emisor do monte Pedroso (que aínda conta con importantes zonas de sombra) non terían sido levadas a cabo por mor dunha suposta incomunicación entre o Executivo central e o galego co gallo das pasadas eleccións autonómicas e o posterior traspaso de poderes na Xunta (polo que supomos que a rexión ourensá que tamén debería saltar á TDT seguirá o mesmo camiño).
Dende Industria aseguran que para levar a cabo o apagamento analóxico é preciso cumprir unhas condicións de cobertura e penetración da TDT que nos casos galegos non parece acadarse, polo que prefiren ser prudentes e aprazar a nova fase do despregamento da televisión dixital terrestre en Galicia.

PUBLICIDADE