Tecnólogos e investigadores en computación debaten en Braga o futuro destas tecnoloxías

mércores, 26 de maio do 2010 Raquel Noya

Baixo o lema "Bridging the gap between European e-Science and Iberian America”, IBERGRID’2010, a Iberian Grid Infrastructure Conference, iniciou hoxe mesmo a súa cuarta edición na Universidade de Minho, en Braga, reunindo a máis de 150 expertos en computación procedentes de España e Portugal.
Esta conferencia, nacida en 2007 no marco do acordo bilateral para a Ciencia e a Tecnoloxía entre os gobernos dos devanditos países, tén como principal obxectivo ser un foro de discusión dos avances no desenvolvemento da rede de infraestruturas, tecnoloxías e aplicacións na Península Ibérica e en América Latina, impulsando a construcción dunha infraestrutura Ibérica común de e-Ciencia que fomente a cooperación nos dominios da computación en grid e da super-computación.
Durante a Sesión Plenaria da mesma, o presidente do LIP (Laboratório de Instrumentaçao e Física Experimental de Partículas de Lisboa), Gaspar Barreira, anunciou o compromiso de mobilidade de investigadores entre España e Portugal, confirmado polos ministerios de ambos os dous países, dende onde apuntan que “a convocatoria do Programa de Mobilidade de investigadores para Proxectos de e-Ciencia abrirase do 1 ao 21 de xullo”.
Este Protocolo de Movilidade significa a posibilidade de recibir estancias en centros de ambos países por parte de estudantes e profesores en periodos curtos de 2 a 4 semanas, para desenvolver accións e proxectos específicos previamente acordados.
En palabras de Javier García Tobío, director xerente do CESGA e un dos promotores da conferencia dende a súa orixe: “a rede IBERGRID pretende crear un espazo único Ibérico de investigación. As máquinas xa están interconectadas e ata o momento, esta entidade só intercambiaba servizos de máquinas; a partir de agora intercambiará tamén o coñecemento a través das persoas”.
O CESGA, que participa neste proxecto de unión científico-tecnolóxica entre España e Portugal facilitando as súas infraestruturas da Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia, organizará para o evento as II Xornadas de Supercomputación, un Workshop de HPC nacido ao amparo da IBERGRID pero independente da mesma, na que se fará unha análise en profundidade da supercomputación española. Deste xeito, o xoves 27 participarán nelas todos os centros de Supercomputación Nacionais, en dúas sesións: unha de centros na que se falará de políticas de acceso e novidades do último ano e outra de usuarios na que se presentarán por cada centro os retos e proxectos máis emblemáticos levados a cabo no último ano.
Asemade, o Portal de Métricas e o Portal de Accounting, ambos os dous proxectos de Middleware desenvolvidos no CESGA para EGEE e actualmente empregados no Grid do LHC do Cern, tamén se presentarán nestas xornadas, onde o noso Centro de Supercomputación é un dos organizadores e participantes máis activos.
IBERGRID continúa na Universidade do Minho ata o vindeiro día 28 de maio.

PUBLICIDADE