Telecinco estrea esta semana unha serie exclusiva para Internet

luns, 24 de marzo do 2008 Marcus Fernández

Telecinco anuncia na súa web que está a preparar a serie Becari@s, que será exclusiva da Rede, e que amosarán en chave de humor o día a día dun grupo de bolseiros dunha empresa.
Os capítulos durarán 3 minutos e aliméntanse da Internet para achegar guións e actores, xa que permite que os visitantes á súa web remitan as súas propostas de guión ou se presenten a un casting en liña.
Segundo parece, a serie replicará a fórmula de Camera Café, pero xuntando ós protagonistas ó redor dunha fotocopiadora que nalgún momento determinado pode tomar vida propia.
A serie estrearase o vindeiro xoves ás 12:00 horas, e polo momento xa conta cun blog que a complementa, Vida becaria, onde se recollen anécdotas e denuncias de bolseiros españois; un dicionario, os mandamentos do bolseiro e outros contidos que pretenden atraer ós usuarios a un espazo que podería captar moita atención nas vindeiras semanas, aínda que todo dependerá de se a fórmula televisiva empregada é axeitada para a Internet.

PUBLICIDADE