Teleco crea a súa propia rede social en Internet

luns, 16 de marzo do 2009 Raquel Noya

A Universidade de Vigo, nunha das súas moitas accións e actividades ligadas á web 2.0, vén de crear unha nova rede social personalizada para os alumnos de Telecomunicacións, que ademais de permitirlle relacionarse virtualmente con amigos e familiares (como calquera outra rede social), ofrece a posibilidade de resolver dúbidas cos profesores ou responder a ofertas de emprego que vaian xurdindo.
A ferramenta, que foi bautizada como TIC TAC (Tecnoloxías da Información e Comunicación e Tamén Amigos e Colegas), supón un “paso firme” fronte á plataforma de teledocencia que xa existe na institución viguesa, e en apenas dous meses de vida, xa conta con 628 membros.
O responsable da idea, o profesor José Carlos López Ardao, define esta nova rede social como un “tres en un” xa que, segundo afirma, “non só é unha canle para relacionarse con amigos como as convencionais, senón tamén unha plataforma docente e un foro para intercambiar coñecementos entre a escola e o mundo profesional”.
Ata o de agora, aínda que a maioría dos mestres da facultade xa se registraron, só unha ducia deles incluíron as súas materias na rede, porén, vista a excelente acollida que tivo a ferramenta entre a comunidade estudiantil, a dirección da escola tamén solicitou o seu propio espazo para publicar a información institucional.
Ademais dos contidos habituais que se poden atopar neste tipo de páxinas, a rede social de Teleco inclúe foros públicos e privados, grupos de temática académica ou de ocio e blogs.