Telefónica advirte en Mariñán do crecemento das mafias en Internet

xoves, 19 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

Estes días, o Pazo de Mariñán está a acoller o curso Dereito e Empresa, unha iniciativa que, de xeito inevitable, toca de preto cuestións que decote tratamos nesta web: informática, delitos informáticos, privacidade, cidadanía electrónica, etc. O curso, que se inclúe na onceava edición da Escola de Verán do Poder Xudicial, prosegue hoxe cunha xornada sobre seguridade e e emprego do correo electrónico, contando coa presenza de especialistas no eido das novas tecnoloxías e o marco normativo vinculado ás mesmas como Fernando Cerdá, catedrático de Dereito Mercantil ou José Marqueño de Llano, presidente da Fundación Aequitas.
Probablemente un dos intres álxidos destas xornadas organizadas polo Consello Xeral do Poder Xudicial e a Consellería de Presidencia foi o da intevención o mércores 18 de Marta Villén, directora de Seguridade e Prevención do Fraude de Telefónica, quen afondou na situación actual das empresas, institucións e cidadáns en xeral que desenvolven o seu quefacer na Rede e que están no punto de mira de posibles ataques informáticos na procura de beneficios económicos ou información (un dos grandes activos das compañías na era dixital). Para Marta Villén, hai unha cuestión que está fóra de toda dúbida: detrás dos delitos informáticos hai xa auténticas mafias que operan exactamente igual cás grandes corporacións, cos seus departamentos, os seus organigramas e a súa facturación.
Segundo a directora de Seguridade de Telefónica, é preciso ceibar á sociedade da idea do “hacker romántico” que opera en Internet prexudicando a institucións e grandes empresas que merezan ser prexudicadas e en beneficio dos cidadáns de a pe. Para Villén, a situación é ben distinta, e agora cómpre falar de bandas organizadas na procura dun negocio moi lucrativo, facendo emprego de tecnoloxía altamente sofisticada que muda a cada intre e para a que unha boa parte do software non está preparada.
Neste senso, España semella un filón para estas mafias, engadiu, e as estatísticas así o poñen de manifesto: o país está á cabeza de Europa no que a ataques se refire, e non hai máis que abrir unha simple conta de correo en Internet para decatármonos do que está a acontecer: máis tarde ou máis cedo seremos obxecto (vía suplantación dun banco ou empresa calquera) dunha tentativa de roubo de datos ou diñeiro. Isto non sería un gran problema se os internautas tivesemos polo menos os mesmos coñecementos de informática e navegación cós membros destas mafias, pero a realidade é moi distinta: unha vez tras outra, seguimos a trabar no anzol. Asemade, sinalou Villén, os computadores persoais de España atópanse neste intre especialmente desprotexidos no que a seguridade se refire, o que “representa unha seria ameza para o resto de ordandores conectados á Rede”.
Ó seu xuízo, neste estado preocupante de cousas, o reto (a solución) pasaría por garantir a identidade dixital dos usuarios na Internet dunha vez por todas. Neste senso, a resposta estaría na emisión de certificados dixitais como garantía da identidade do usuario, con instrumentos como o DNIe. O problema é que aínda queda moito por facer (sobre todo por parte das institucións en materia de divulgación) até que chegue o intre en que a sociedade enteira saiba de verdade para que serve o novo documento e como se manexa.

PUBLICIDADE