Telefónica lanza o primeiro ADSL portátil que permite a conexión a Internet dende calquera lugar do mundo

mércores, 10 de outubro do 2007 Raquel Noya

A operadora Telefónica, vén de lanzar ó mercado un novo sistema de telecomunicacións que permite unha conexión total a Internet de banda longa nos puntos máis remotos do planeta. Trátase dun acceso vía satélite a través de BGAN (BroadBand Global Area Network, é dicir Rede de Area Global de Banda Longa), que presta a compañía Inmarsat e que Telefónica distribúe en diferentes países.
Este sistema de Rede de Areal Global permite despregar, segundo a operadora, “unha oficina móbil de banda longa para acceder á Rede, vía satélite” e “amais de permitirlles ós usuarios levar a cabo todo tipo de actividades que farían dende calquera conexión fixa, tamén lles facilita unha liña para dispor de comunicacións de voz e outras aplicacións”.
O dispositivo que fai posible esta conexión móbil de banda longa é moi lixeiro (entre 1 e 3,2 Kg de peso) e doado de empregar e Telefónica ofrece todo o soporte de formación e asistencia técnica que precisen os usuarios naquel país no que se conecten a través de BGAN, así como a xestión e trámites administrativos que deban realizar con cadansúas operadoras nacionais de telefonía para conectarse.
O servizo BGAN de Inmarsat, a través da súa rede de satélites, ofrece unha cobertura practicamente mundial: o 85 por cento da masa terrestre e o 98 por cento da poboación total. Tecnicamente, o devandito servizo ofrece en calquera parte do mundo ADSL móbil de ata 492 Kbps bidireccionais e voz simultaneamente, así como caudais garantidos de 32, 64, 128 ou 256 Kbps, RDSI a 64 Kbps e canal de 3,1 KHz para fax, modems, equipos de encriptación...
Este servizo é posible grazas a un acordo subscrito entre Telefónica Wholesale, empresa maiorista de servizos de comunicación globais de Telefónica, e Inmarsat, empresa líder mundial en comunicacións vía satélite móbiles globais e emprega unha das redes de satélites máis sofisticadas do mundo, permitindo o acceso a aplicacións de datos a velocidades de até medio megabit por segundo.
Estes terminais teñen a robustez precisa para resistir entornos difíciles e temperaturas estremas polo que se poden empregar tanto no interior coma ó aire libre. O custo do servizo componse dunha cota mensual fixa e un custo variable por consumo; aínda que a isto habería que engadirlle o prezo do terminal, que sae ó mercado cun prezo que supera os 2.000 euros.

PUBLICIDADE