Telefónica ofrece tarifa plana de móbil e Wi-Fi por 15 euros ó mes

xoves, 12 de xuño do 2008 Raquel Noya

A operadora nacional Telefónica vén de anunciar o lanzamento de novas tarifas planas de conexión a Internet en mobilidade aplicables a todo tipo de dispositivos móbiles tales como teléfonos, PDAs ou ordenadores portátiles e que permiten, entre outras cousas, que tanto profesionais como particulares teñan acceso a “Internet á carta” dende calquera dispositivo e sen ter que vender un ril para sufragar os gastos de conexión e descarga.
Unha das ofertas que máis chamou a atención dos usuarios deste tipo de servizos foi a tarifa de 15 euros ó mes por conectarse aos 2.000 postos da rede Wi-Fi da operadora de xeito ilimitado así como ter acceso á telefonía. Está deseñada para teléfonos móbiles ou PDAs e permite unha velocidade de baixada de tres megabytes por segundo e unha de subida de 1,4 megabytes. Pese a isto, Telefónica anunciou que cando se superen os 200 megabytes de baixada ó mes, a velocidade reducirase a 128 kilobits por segundo.
Entre as prestacións que ofrece a compañía cos seus novos servizos destacan a navegación e a descarga de contidos sen límite e o lanzamento de tres tarifas distintas que se adaptan ás necesidades de cada usuario segundo se conecte dende un dispositivo ou doutro.
Deste xeito, a tarifa plana máis económica (tamén para móbil) é de 10 euros ó mes por gozar dunha velocidade de un megabit ata os 10 megabytes de tráfico e a partires desta cantidade a velocidade baixa a 64 kilobits por segundo.
Para os usuarios máis intensivos, que empregan o PC en mobilidade, Telefónica vén de presentar unha tarifa de 30 euros cunha velocidade de un megabit por segundo con franquicia de datos ata un xigabyte. Superado este volume mantense a velocidade e factúranse 15 euros máis ata os novos 0,5 xigabytes descargados, cun límite de prezo de 90 euros ó mes.
Asemade, para este mesmo perfil de usuarios, Telefónica ofrece a tarifa Internet Plus, que ademais da conexión por móbil inclúe a ilimitada por Wi-Fi por un importe de 39 euros ó mes.
E por último, para os internautas máis esixentes, a operadora deseñou a tarifa Premium de 59 euros ó mes por tres megabits de velocidade e un límite de descarga de 10 xigabytes. A partires dese volume a velocidade redúcese a 128 kilobits por segundo.