Telefónica sorteará seis tablets Galaxy Tab entre os emprendedores da INCUVI

martes, 29 de novembro do 2011 Raquel Noya

Telefónica aporta o seu gran de area á incubadora de empresas da Universidade

A incubadora de empresas da Universidade de Vigo, INCUVI, unha das primeiras portas ás que irán petar aqueles estudantes con grandes ideas que precisan que lles boten unha man cos seus negocios, está a buscar patrocinadores que lles faciliten esta tarefa, e acaban de bater con Telefónica, que se une a outras xa existentes como Novacaixagalicia, Banco Santander, PSA Peugeot Citröen, Aje Galicia ou Asime, entre outras.
Este xigante das telecomunicacións vai sortear seis Samsung Galaxy Tab de 10 polgadas, valoradas nuns 500 euros cada unha, entre os seis emprendedores que estreen a incubadora, un pequeno gran de area que permitirá que os futuros empresarios teñan acceso pleno á sociedade da información dende os seus tablets.
Segundo informan no xornal dixital da Universidade de Vigo, DUVI, esta incubadora “nace coa intención de ser un espazo protexido, con asesoramento e toda a axuda precisa para que as ideas máis innovadoras poidan dar os seus primeiros pasos durante un ano”.
Os primeiros inquilinos en instalarse no INCUVI serán os gañadores do I Premio INCUVI-Emprende, un certame que premia aquelas propostas de innovación xeradas no seo da entidade académica con maior proxección, a fin de levar cara adiante a idea e convertela nunha empresa competitiva.
Por certo, este galardón vai celebrar xa a súa segunda edición, e as persoas interesadas en participar teñen ata o 1 de decembro para presentar toda a documentación no Rexistro Xeral dirixida á Vicerreitoría de Transferencia do Coñecemento e enviar unha copia electrónica da idea empresarial por correo electrónico a transferencia@uvigo.es.
Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver As iniciativas elixidas para formar parte da primeira xeración da incubadora universitaria contarán cunha oficina de 15 metros cadrados equipada con mobiliario e acceso a Internet, así como cun tablet de seu para ter plena conexión co traballo dende fora da oficina.

PUBLICIDADE