Televés crea un blog dedicado á medición de sinais de radio e televisión
martes, 31 de marzo do 2009
O rincón da medición
é o nome que a compañía de telecomunicacións Televés lle puxo (moi
acertadamente) ao seu novo blog, un espazo creado para aproveitar ao máximo as
oportunidades que brindan as novas tecnoloxías e ao que os internautas poden
acceder directamente dende a súa web oficial
para informarse, de xeito ameno e directo, dos temas e cuestión técnicas máis
actuais do mundo das medicións de sinais de radio-televisión.
Televés pretende, con esta iniciativa, “estar cada día máis preto dos seus clientes” e poder así “responder ás súas preferencias e necesidades”;
por iso, o blog permite que estes teñan ocasión de participar con comentarios,
cuestións ou datos adicionais nos temas de debate e propostas que o equipo
encargado vaia suxerindo cada certo tempo no espazo común.
Segundo vén de indicar Sergio Martín, responsable de Comunicación
de Televés Corporación, o obxectivo deste “rincón”
é, achegarlle aos técnicos e especialistas as novidades do produto e de
funcionalidade dos medidores de campo de Televés, “da maneira máis obxectiva posible e sempre coa intención de aportar
valor real ao seu traballo”.
A ferramenta, que se puxo en marcha en castelán, vai
funcionar tamén noutros idiomas, debido, sobre todo, “á forte internacionalización de Televés”, que está presente en máis
de 80 países.
Porén o blog non é a única iniciativa que esta entidade leva
a cabo para achegarlle a tecnoloxía aos seus clientes, senón que forma parte
dun conxunto de medidas destinadas a empregar todas as ferramentas que ofrecen
as novas canles de comunicación en torno a Internet e ás redes sociais.