Televés inaugura en Santiago o seu novo centro de traballo Galileo
luns, 9 de maio do 2022
O
grupo compostelán Televés Corporación subiu este mes de maio,
oficialmente, un novo chanzo en materia de medre e espallamento.
Fíxoo
coa inauguración (este luns 9 de maio) do seu novo centro de
traballo Galileo, que acubillará a partir de agora as área de
negocio da compañía. Na cita participou o director executivo de
Televés, Santiago Rey Requejo, arroupado polos case 60 traballadores
que alí se trasladan. Na inauguración oficial das novas
dependencias descubriuse unha placa conmemorativa como referencia
deste fito histórico da corporación.
Tamén
participaron Iván Rodríguez, director da área de iluminación LED
profesional, Guillermo Fernández, director da área Hospitality,
Esther Gómez, directora de Transporte Óptico e Televés Global
Services, e Marcos Mata, director de Desenvolvemento de Software.
Segundo
comentou Santiago Rey, “a nosa corporación segue diversificando as
súas áreas de negocio para seguir crecendo en cota de mercado e
complementar o mercado tradicional da distribución de servizos de
televisión en edificios e fogares. Así, apostamos por un futuro
sempre apoiado no coñecemento tecnolóxico adquirido e que se base
nas eficiencias de todas as súas verticais, centradas nas
infraestruturas de comunicacións".
Rey
explicou que a orixe do centro Galileo acabado de inaugurar hai que
rastrexala no medre das áreas de hospitality,
iluminación LED profesional e transporte óptico, frontes de
traballo xa consolidadas na corporación e cuxa actual relevancia
obrigou a “organizar os grupos de traballo co fin de aproveitar as
sinerxías da forma máis eficiente posíbel”. Froito diso, Televés
Corporación habilitou o edificio corporativo situado na Vía de
Galileo, no Polígono do Tambre, en Santiago. ao que se trasladan o
persoal de Televés e Arantia relacionado coas devanditas áreas, ás
que se suman os departamentos relacionados co soporte técnico e
funcións de desenvolvemento de software: un total de case sesenta
persoas, que inclúen departamentos de negocio, xestión, deseño,
software e soporte técnico, e que disporán de zonas de traballo
personalizadas onde desenvolver todo o crecemento proxectado para
estas áreas de negocio nos vindeiros anos.
O
novo centro foi deseñado e estruturado para “potenciar as
dinámicas dos equipos de traballo e pór en valor a
transversalidade”, sinalouse na inauguración, onde se engadiu que
o inmóbel conta con tres andares en total, estando habilitada un
deles con máis de 1.000m2, que contará con salas técnicas de
última xeración para cada área de negocio, de forma que os
desenvolvementos de produto e solucións conten con todos os medios
necesarios de configuración e probas antes de entrar en fase de
industrialización e produción.