Televés salienta a súa tecnoloxía zas Hbb para acceder á oferta á carta do Botón Vermello de RTVE
mércores, 18 de setembro do 2013
Televés amosou estes
días o
seu apoio á campaña Botón
Vermello de Radio Televisión Española, unha iniciativa dirixida
a posibilitar o acceso da cidadanía a 90.000 horas de programación
a elección do usuario. Trátase, en palabras da compañía emprazada
en Santiago de Compostela, da primeira gran aposta pola televisión
interactiva HbbTV (ou televisión híbrida) que se realiza en
territorio español, un completo recurso de contidos que segundo
engade a firma galega de telecomunicacións, está ao dispor dos
espectadores a través dos televisores convencionais “con só
conectalos ao receptor zas Hbb de Televés”.
Co novo servizo da
televisión pública española, engade a firma, basta premer no botón
vermello do mando a distancia para acceder a todos os contidos de
RTVE divididos en catro bloques: Á Carta, Informativos, Deportes e
Clan (programación infantil).
Para quen non saiba en
que consiste esta tecnoloxía, Televés explica que HbbTV é un
estándar aberto que permite combinar o modo tradicional de acceso
aos contidos das cadeas televisivas, segundo unha grella de
programación pechada, cunha oferta moito máis ampla ante a que o
usuario ten total capacidade de decisión. E engade: “As dúbidas
que até hai pouco expuña esta solución vanse esvaecendo, con
decisións tan importantes como a de RTVE de pór en marcha 90.000
horas de contidos a elección do usuario, a través da súa campaña
Botón Vermello”.
A HbbTV combina, en
definitiva, as potencialidades da televisión tradicional coas de
Internet, “coa vantaxe engadida dun manexo moi intuitivo e sinxelo
a través do mando a distancia”, explica a compañía, para quen
está claro que unha das grandes vantaxes desta tecnoloxía é que
non esixe cambiar de televisor, abonda con conectalo a receptores
como é o zas Hbb de Televés. “Con este tipo de equipos, á
calidade de imaxe e son que ofrece a TDT a través das canles de alta
definición (HD) súmase unha oferta extraordinariamente ampla ante a
que o usuario ten o poder de decidir que quere ver en cada intre”,
conclúe.