Teremos un novo Mega Man a finais de 2018

luns, 4 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Capcom está a celebrar o 30º aniversario de Mega Man, unha das súas principais franquías, aproveitando o momento para revelar que está en desenvolvemento Mega Man 11, unha evolución do xogo de plataformas que na súa vida superou os 32 millóns de unidades vendidas, e que a finais de 2018 volverá con gráficos renovados, pero mantendo o seu característico estilo de acción de desprazamento lateral.
O novo xogo terá versións para PlayStation 4, Xbox One, PC e Nintendo Switch, e en todas elas poderemos percibir o seu salto cualitativo nos seus contornos e personaxes debuxados a man.
Nesta aventura Mega Man terá que enfrontarse ás tolas máquinas do Dr. Willy, vencendo aos xefes finais Robot Master e tomando as súas armas, nunha constante loita pola xustiza con novos e únicos deseños de inimigos.
Polo momento só hai un pequeno vídeo de presentación de Mega Man 11, de xeito que os seareiros da saga terán que agardar até o verán para coñecer máis detalles sobre este lanzamento.

Vídeo no que fan un repaso dos 30 anos de Mega Man e adiantan o que será Mega Man 11

PUBLICIDADE