The Last of Us recompila para PS5 as súas dúas primeiras entregas
xoves, 10 de abril do 2025
A poucos días da estrea da segunda tempada de The Last of Us en Max, dende Naughty Dog sorprenden presentando The Last of Us Complete, unha colección que agrupa as versións para PlayStation 5 de The Last of Us Parte I e The Last of Us Parte II Remastered, converténdose no xeito máis doado de gozar da historia completa en PS5.
A edición descargable xa pode adquirirse a un prezo de 109,99 euros, mentres que a edición para coleccionistas en formato físico terá un prezo de 119,99 euros e non estará dispoñible até o 10 de xullo.
Esta última edición inclúe unha caixa metálica dun deseño completamente novo, os xogos en formato físico, o capítulo previo Left Behind, os cómics The Last of Us: American Dreams do 1 ao 4 con portadas alternativas, unha carta de agradecemento de Neil Druckmann e 4 litografías con ilustracións sobre o xogo realizadas por artistas que souberon captar en imaxe os temas centrais da saga.
- A edición para coleccionistas en formato físico inclúe interesantes extras