The Witcher 3 dispara a súa popularidade grazas a Netflix

luns, 30 de decembro do 2019 Marcus Fernández

A estrea da serie de The Witcher en Netflix, que durante a semana pasada conseguiu converterse na serie máis vista do mundo, superando incluso a The Mandalorian, está a ter unha consecuencia imprevista: disparou a popularidade do xogo The Witcher III: Wild Hunt até o punto de que vén de establecer unha nova marca de número de xogadores simultáneos en Steam, ou sexa, que actualmente ten máis xogadores que cando o título veu a luz hai 4 anos.
Cando dende CD Projekt Red destacaron o feito, chegaran a xuntarse 93.835 usuarios simultáneos aínda que agora xa chegou aos 94.601 xogadores, pico multiplica por 3 ou por 4 os máximos que se rexistraban nos últimos meses. A isto tamén puido contribuír o feito de que o xogo estea actualmente de oferta a 8,99 euros en Steam, ou que The Witcher 3 estea incluído en Xbox Game Pass, servizo no que posiblemente estean a rexistrarse incluso máis xogadores que en Steam, creando un fenómeno ao que tamén queren subirse xogadores que non teñen unha Xbox One.
Esta situación resulta moi curiosa porque a serie televisiva baseada nos libros de Andrzej Sapkowki pretendía atraer como espectadores a seareiros dos videoxogos de CD Projekt Red, e finalmente esta estrada demostrou ter dous sentidos, e tanto os afeccionados aos xogos ven a serie como os espectadores da serie achéganse aos xogos, creando unha simbiose moi perseguida nas estratexias crossmedia.

PUBLICIDADE