Thronebreaker, un novo xogo de rol con naipes no universo de The Witcher

xoves, 18 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Aínda que a triloxía de xogos de The Witcher xa rematou, CD Projekt Red non deixa morrer a franquía, e para o vindeiro día 23 ten previsto o lanzamento dun novo xogo para PC, que o 4 de decembro estreará versións para Xbox One e PlayStation 4, e que ten todas as bazas para converterse nun éxito, xa que está moi ben orientado aos que xa gustaron dos anteriores xogos da saga.
Thronebreaker: The Witcher Tales será un xogo de rol de naipes para un xogador ambientado no mundo de The Witcher, no que haberá que tomar decisións e entrarán en xogo personaxes complexos e multidimensionais. Na creación deste xogo están a participar desenvolvedores involucrados en The Witcher 3: Wild Hunt, e narrará o relato rexio de Meve, unha raíña curtida en mil batallas, soberana de dous dos Reinos do Norte (Lyria e Rivia) que ante unha inminente invasión terá que entrar en guerra e partir nunha sinistra viaxe de destrución e vinganza.
Teremos así un xogo de rol que combina exploración con grande énfase na trama, con quebracabezas únicos e mecanismos de combate por quendas dos naipes. Está inspirado en clásicos como Magic: The Gathering; tira proveito da típica moralidade ambigua de The Witcher (que abre moitas posibilidades en consecuencia das decisións que vaiamos tomando); estaría protagonizado por un personaxe coñecido pero pouco explorado até o momento; e finamente ofrecerá máis de 30 horas de xogo, polo que considerouse axeitado convertelo nun título con entidade de seu e non integrado no xogo de naipes GWENT (xa que a historia da raíña Meve era bastante grande, merecedora dun xogo independente).

PUBLICIDADE