Tiger Woods PGA Tour 07: simulación real do golf (e sen especulación de por medio)

martes, 27 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Tiger Woods PGA Tour 07 é un deses xogos que, de tanto achegarse á realidade da práctica deportiva da que se nutre, semella tan desfrutable ou máis ca esta, e aínda por riba ceibándonos de toda responsabilidade no esgotamento dos recursos acuíferos ou mesmo de tequemanexes inmobiliarios e urbanísticos. Ironías aparte, o videoxogo do que falamos xa está a ser cualificado como a mellor recreación virtual do golf que se ten feito até o día de hoxe, aínda que non é recomendable para usuarios de consolas que estean afeitos a encadeamentos de secuencias de acción, labazadas e tiros. Ou sexa, que non é recomendable xogar ó Tiger Woods PGA Tour 07 con sono atrasado.
O xogo está desenvolvido pola casa EA Sports, que fixo un esforzo ben considerable en conseguir un produto que fose accesible sen ser lixeiro e completo sen sentar cátedra e meterse de máis en cuestións profesionais. Ou sexa, que fica a medio camiño, collendo un pouco de aquí e de alá, pero non tanto como para divertir a todo o mundo. É dicir: os que se durmían vendo o golf na tele, seguirán botando unha boa soneca perante este xogo. E, tamén, os que insisten en cualificar este deporte de práctica elitista que afianza aínda máis a estratificación social e o distanciamento entre maiores e novos, entre ricos e pobres e entre brancos e negros, seguirán pensando exactamente o mesmo.
Tiger Woods PGA Tour 07 permite a creación de personaxes onde o usuario decide se será home ou muller ou o seu estilo ou xeito de facer o swing. O resto do videoxogo, como ocorre con este tipo de produtos, baséase en ir superándonos a nós mesmos e en desenvolver ó máximo as nosas posibilidades. O obxectivo último deste paseo (que non esforzo, a verdade sexa dita) polo céspede seguidos a pouca distancia por un esforzado cady? Estaba claro: medir forzas co mesmísimo Tiger Woods.

PUBLICIDADE