TikTok descúlpase por censurar un vídeo no que se criticaba a China

xoves, 28 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Os xigantes tecnolóxicos están a ter serios problemas de imaxe por mor da súa política incoherente, xa que mentres en mercados como EE.UU. ou a Unión Europea aseguran defender a liberdade de expresión, en China e outros países autoritarios sométense a filtros de censura e incluso contribúen á persecución de cidadáns que manifestan opinións críticas coas autoridades locais.
Polo momento Facebook e Google libran deste tipo de conflitos ao non ser quen de entrar no mercado chinés, pero TikTok está agora no punto de mira, xa que son moitas as acusacións de censura, que a compañía nega pese ás moitas evidencias do seu mal proceder, aínda que o último incidente conseguiu unha repercusión mediática tan grande que a compañía tivo que rectificar.
Falamos da publicación dun vídeo dunha rapaza que, mentres riza as pestanas, critica os abusos que padece o pobo uigur en China, conseguindo acumular máis de 1,5 millóns de reproducións en TikTok, para ver como ao pouco o vídeo desaparecía por mor do bloqueo da conta da usuario por supostamente non cumprir as condicións do servizo.
Tras provocar este acto de censura (que en China sería legal, pero que estaría a producirse a nivel mundial para unha usuaria non chinesa) un grande rebumbio, dende TikTok argumentaron que foi un erro de moderación humano, e empregaron como desculpa un vídeo previo da mesma creadora, publicado dende outra conta de usuario diferente, no que amosaba unha imaxe de Osama bin Laden a xeito de broma (o que si podería entenderse como unha violación das normas de TikTok). Pechar unha conta de usuario de TikTok por mor dunha infracción cometida noutra cousa sería consecuencia de que o bloqueo teríase realizado por dispositivo, ou sexa, que a creadora empregou o mesmo smartphone para ambas contas, pero finalmente optaron por corrixir esta actuación e restituíron o acceso a TikTok á creadora e, en consecuencia, recuperaron o polémico vídeo vetado.
Dende TikTok pediron desculpas polo acontecido, pero iso non muda o feito de que a compañía colabore activamente coas autoridades chineses en actos de censura, o que sitúa á empresa nunha posición bastante conflitiva de cara aos mercados globais, que de seguro que non perciben con bos ollos que gobernos doutros países poidan decidir o que se pode publicar ou non na Rede.

PUBLICIDADE