Time publica unha listaxe coa 5 peores páxinas web

mércores, 11 de xullo do 2007 Marcus Fernández

A revista Time non só saca listaxes positivas cos persoeiros do ano ou as mellores páxinas web, senón que tamén publicou unha selección coas 5 peores webs do ano, que curiosamente son bastante coñecidas e utilizadas nos EE.UU., polo que podería indicar que o éxito e a calidade non van sempre da man.
Loxicamente a listaxe de Time non destaca a webs tan nefastas que non cheguan a ser coñecidas, senón que se refire a páxinas que resultan bastante incómodas para o usuario, como serían:

  • eHarmony.com: unha web de citas en liña, que parece ser todo un suplicio para os seus usuarios, ós que atosiga con 436 preguntas sobre a compatibilidade de parella. Dende Time tamén destacan que o sistema funciona moi mal ó recomendar parellas potenciais, polo que non se fían nada de afirmacións como a que fixeran os responsables da web o pasado ano asegurando que 16.000 parellas remataran casando tras coñecerse a través do seu servizo.
  • Evite.com: este servizo de invitacións a festas funciona correctamente, pero parece estancado no tempo, de xeito que amosa certas deficiencias como só permitir a incorporación de imaxes despois da celebración das festas, e amosando unha interface que non facilita a personalización por parte do usuario. Tampouco permite incorporar música e vídeo (que teñen tanto pulo na web actual) polo que poderiamos rematar simplemente que esta web quedou desfasada.
  • Meez.com: este servizo de creación de avatares tridimensionais animados para representar ós usuarios en foros e blogs foi seleccionado por Time como simple cabeza de turco, pois nel recaen as culpas de moitos servizos semellantes de creación de iconas e gráficos totalmente innecesarios e pouco serios que normalmente provocan un uso abusivo dos mesmos (o que acontece cando traspasan o ámbito do lecer).
  • MySpace.com: resulta paradoxal que a rede social máis popular do mundo (e, especialmente, nos EE.UU.) que incluso a propia revista Time situou entre as mellores webs de 2006 estea considerada agora como unha das páxinas web máis feas, cun deseño web pobre, e con todo un universo de usuarios falsos que conforman unha comunidade máis orientada ó marketing que á sociabilidade, de xeito que hoxe parece máis unha plataforma de lanzamento de músicos e películas que unha plataforma de comunicación.
  • SecondLife.com: neste caso hai que recoñecer que a boa prensa que ten este mundo virtual pode non servir para nada, xa que resulta evidente que o feito de que Second Life precise da instalación dunha aplicación no noso ordenador non xoga moito o seu favor, xunto con que a navegación polo seu mundo virtual sexa lenta, a personalización dos avatares aburrida e os usuarios non paren de facer o parvo; así que podemos asegurar que o feito de que xurdan iniciativas moi loables en Second Life (como a celebración de seminarios e xuntanzas de negocios) iso non é suficiente para salvar da queima a esta web que está a ter un éxito máis aparente que real.