Todas as entregas de Half-Life poderán xogarse de balde por tempo limitado

mércores, 22 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

No mes de marzo está previsto o lanzamento do xogo de realidade virtual Half-Life: Alyx, e para facer máis doada a espera dende Valve decidiron ofrecer a posibilidade de que os usuarios de Steam poidan xogar de balde a todos os xogos da franquía: Half-Life, Half-Life 2, Half-Life 2: Episode One e Half-Life 2: Episode Two.
Estes xogos non pasan a ser gratuítos, ou sexa, non se incorporan á colección de xogos dos usuarios, senón que simplemente poden xogarse de balde por tempo limitado, como un xeito de que a xente lembre todo o que significaron, xa que esta saga foi a clave para que Valve chegase a onde está hoxe.
Aínda que esta saga naceu hai máis de 20 anos, e levamos sen novas entregas dende 2007, durante todo deste tempo había expectación ante un posible anuncio dun Episodio 3 da saga, que parece condenado a non chegar a saír nunca, xa que a nova entrega, Half-Life: Alyx non será unha secuela, senón que estará ambientada cronoloxicamente entre Half-Life e Half-Life 2, meténdonos na pel de Alyx Vance nunha experiencia inmersiva que pode ser un dos grandes reclamos para que moitos xogadores dean o salto á realidade virtual nos seus equipos informáticos. Tras o lanzamento de Half-Life: Alyx desactivarase o acceso gratuíto aos xogos da saga.

JPEG - 55.6 KB
Aínda que a nivel gráfico é evidente que os xogos de Half-Life son de hai bastantes anos, moitos agradecerán a oportunidade de rexogalos para lembrar este universo que volve estar de actualidade

PUBLICIDADE