Tomb Raider celebra o seu 10º aniversario cun remake da súa primeira entrega

venres, 1 de xuño do 2007 Marcus Fernández

A saga protagonizada por Lara Croft e que mesmo levou as súas aventuras vén de cumprir 10 anos, e para celebrar o seu aniversario, Crystal Dynamics lanza un remake da primeira entrega para PC, PS2 e PSP.
Así, en Tomb Raider: Anniversary podemos rememorar as aventuras da versión feminina de Indiana Jones máis popular, pero nun produto dunha calidade tal que non só satisfará ós nostálxicos, senón que estará á altura dos últimos videoxogos no mercado, xa que emprega o motor gráfico da anterior entrega da saga (Tomb Raider Legend) pero conservando escenarios, secuencias, inimigos, armas e situacións do xogo que saíu hai unha década, aínda que engadindo algún detalle para mellorar a espectacularidade do xogo.
Entre os detalles de nova incorporación está a esquiva por adrenalina, que vén a ser algo semellante ó tempo bala de Matrix e que xa aparece noutros xogos semellantes, resultando visualmente moi impactante.
Algúns seguidores xa consideran que esta rememoración do primeiro título se converteu na mellor entrega da saga, que esta semana chegou ás tendas españolas ó prezo de 49,95 euros e incluso se celebrou tal estrea dun xeito moi especial en tendas como a FNAC de Callao (Madrid) onde asinou carteis a modelo británica Karima Adebibe (actual encarnación física de Lara Croft nas campañas promocionais).

O trailer achéganos a imaxe renovada deste xogo:

PUBLICIDADE