Traballo pon en marcha un centro virtual de apoio ás cooperativas galegas

martes, 17 de xuño do 2008 Raquel Noya

A directora xeral de Relacións Laborais da Consellaría de Traballo, Pilar Cancela, vén de anunciar a posta en marcha dun centro virtual de apoio, información, formación e asesoramento en I+D+i para o tecido cooperativo da nosa Comunidade.
Trátase dunha actuación promovida polo departamento que dirixe Ricardo Varela que ten como principal obxectivo afrontar os retos que introducen os cambios tecnolóxicos e a globalización dos mercados na sociedade en xeral, e nas empresas cooperativas en particular.
Cancela presentou esta iniciativa durante o acto de inauguración da Xornada de investigación, desenvolvemento e innovación nas cooperativas galegas, onde lembrou que “é un deber das administracións impulsar actividades de I+D+i que deseñen accións, programas e proxectos operativos” destas características que, asemade, “contemplen a súa posta en marcha, asistencia técnica e acompañamento inicial”.
Ademais destas afirmacións, a directora xeral aclarou que a esta iniciativa seguiranlle outras fases posteriores como a realización dunha diagnose da situación do mundo cooperativo e de identificación dos sectores obxecto de actuación así como unha campaña de sensibilización e divulgación.
Por último, Pilar Cancela manifestou que a investigación, a innovación, a creatividade e a xestión do coñecemento “son factores determinantes para a supervivencia das empresas”, polo que as cooperativas “non poden ser alleas a este proceso”.