O terror de Alien chega aos móbiles

luns, 28 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Tras o éxito de Alien: Isolation, que bebía directamente dos filmes de Ridley Scott á hora de transmitir o ambiente de terror e supervivencia propio da ameaza dos xenomorfos, recuperouse o interese da franquía cinematográfica como escenario para un survival horror, de aí que agora poidamos dar a benvida a Alien: Blackout, un xogo dispoñible para iOS e para Android, no que haberá que sobrevivir a bordo dunha estación espacial avariada de Weyland-Yutani na que un depredador alieníxena persegue á tripulación.
O feito de estarmos ante un xogo móbil marca moitas distancias con Isolation, pero Blackout ten igualmente unha interesante proposta, na que a través de 7 niveis arrepiantes haberá que guiar remotamente á tripulación para realizar tarefas desafiantes e empregando só os sistemas de emerxencia da estación, de xeito que a incerteza e o imprevisible poden levarnos ao éxito ou ao fracaso.
Este episodio da franquía de Alien continúa a saga de Amanda Ripley, filla de Ellen Ripley (protagonista de Alien: o oitavo pasaxeiro), fuxindo da acción e convidándonos a xestionar un subministro de enerxía limitado, para traballar cun mapa holográfico, cámaras de vixilancia e un detector de movemento para protexer á tripulación do mortífero xenomorfo. Unha aventura especialmente recomendada para os fieis seguidores desta franquía cinematográfica que tamén ten unha longa traxectoria no mundo dos videoxogos (onde tocou xéneros moi diferentes).

Tráiler de lanzamento de Alien: Blackout

PUBLICIDADE