Trasno presenta Ubuntu 12.10 co galego no posto 14 dos idiomas máis completos

luns, 22 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

A nosa lingua, grazas ao traballo de asociacións como Trasno, está presente nas principais alternativas do ámbito da programación aberta aos sistemas operativos pechados. Unha destas grandes alternativas, completa e competitiva, é a achega de Ubuntu, distribución de software libre que está nestes días de actualidade polo lanzamento-presentación dun ambicioso desenvolvemento: a súa versión 12.10, definitiva. Pois ben, segundo nos conta a asociación Trasno, esta nova versión ten boas novas para o colectivo de usuarias e usuarios da nosa terra. De feito, a comunidade de galeguización de Ubuntu, o Ubuntu Galician Team, integrada en boa medida por membros de Trasno, acadou o 14 lugar como idioma máis completo na devandita distribución.
Isto foi posíbel, informan do colectivo galego, “grazas ao esforzo constante dos voluntarios-usuarios, de longo prazo e sen máis axudas que as achegas voluntarias dos seus membros”. O traballo (que non está completo aínda e que, por este motivo, precisa de máis colaboradoras/es), permitiranos ter ao alcance da man a achega definitiva de Ubuntu 12.10, que promete ser líder na clasificación de sistemas operativos libres tal e como agoira a súa recente traxetoria en beta, baixo o nome de Quantal Quetzal, e que incluíu novidades como o kernel Linux 3.5.4, soporte para Python 3.2, a substitución do Unity 2D polo Unity 6.6 (que acubilla novos lens para as redes sociais, procuras en Amazon, etc), ou unha ferramenta (Unity Preview) que achega vistas previas da información de cada programa.

PUBLICIDADE