Tres alumnos de 1º de Telecomunicacións reciben cadanseu premio ao mellor expediente de entrada

luns, 19 de xaneiro do 2026 S. P.

O pasado venres 16 de xaneiro levouse a cabo a entrega de premios aos tres mellores expedientes de entrada na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo co acto de presentación das olimpíadas de Teleco, neste caso as IV Teleco Games, un evento que cada ano trae ao centro a arredor de 250 estudantes preuniversitarios de toda Galicia. O obxectivo destes galardóns é atopar e sementar o interese pola enxeñaría entre o alumnado preuniversitario e premiar o novo talento que acaba de arrancar a súa traxectoria na escola.
Indo aos premiados, os premios aos tres mellores expedientes recaeron este curso en Hugo Alonso Taboada, Diego Gómez Fernández e Martiño Rivo Bugallo, tres alumnos con traxectorias brillantes aos que o centro, apoiado polas empresas da rede conexión Teleco, quixo facerlles “un pequeno agarimo por todo o esforzo que levan realizado”, tal e como salientou na entrega do premio a directora da escola, Rebeca P. Díaz, quen explicou que cada premio está dotado con 2.000 euros, contías achegadas polas empresas BorgWarner, Indra e Technica Engineering.
Hugo Alonso, recibiu o premio Cátedra BorgWarner, de mans de Telmo Calle, director do Centro Técnico Español para Electrónica de BorgWarner; Diego Gómez, da man de Ruth Escarda, directora do Centro de Excelencia de Defensa e Aeroespacial de Indra Vigo, e Martiño Rivo, de David Román, office manager en Technica Engineering Spain.
Martiño Rivo, de Santiago, admite que comezou bacharelato con intención de estudar Física, e non foi ata segundo, cando “decidín cambiar por Teleco”. No caso de Hugo Alonso, de Vigo, tiña claro que quería estudar algo relacionado “coas novas tecnoloxías, que son o futuro”, polo que dubidou entre diferentes titulacións case ata o último segundo. Pola súa banda, Diego Gómez, do Carballiño, foi facendo bacharelato cando se decatou de que as materias que máis lle gustaban eran Matemáticas e Física, “polo que decidín aproveitar as miñas oportunidades e, nese senso, penso que Enxeñaría de Telecomunicación aproveita moi ben as miñas competencias”.
Antes da entrega destas distincións, o salón de actos da escola acolleu a recepción ao alumnado e profesorado que vai participar na IV Olimpíada Nacional de Teleco, Teleco Games, unha competición que se celebra de maneira simultánea en máis de 20 escolas de Enxeñaría de toda España coa colaboración do Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos de Telecomunicación.
Desta volta hai matriculadas na fase galega da olimpíada, con sede na escola viguesa, 244 estudantes de 22 centros de toda Galicia, sendo a representación maioritaria da provincia de Pontevedra.
En canto a novidades, nesta edición dos Teleco Games haberá dúas: en primeiro lugar, unha categoría nova para alumnado de 1º e 2º de ESO (que son os máis novos); e en segundo lugar, este ano pediuse que todos os equipos teñan en conta dalgún xeito a ciberseguridade no proceso de desenvolvemento e/ou no deseño do prototipo.
Chegada xa a 4ª edición da competición, Díaz está satisfeita dos bos resultados que están a acadar os equipos galegos nas finais nacionais: “En todas as edicións temos equipos que están no podio”. Na edición de 2025 gañaron o 1º premio (IES Rosais 2, de Vigo) e o 4º premio (IES Isaac Díaz Pardo, de Sada) na categoría de Bacharelato e na categoría de FP gañaron o 1º premio (o equipo do CIFP A Farixa, de Ourense).
A presentación das olimpíadas vén tamén acompañada dunha visita guiada deste alumnado preuniversitario ás principais instalacións singulares da EET para que coñezan que se estuda no Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, así como un pequeno encontro con dúas das asociacións de estudantes patrocinadas pola escola (CES UVigo e UVigo SpaceLab).