TurisTIC impulsará dende Vilagarcía a transformación tecnolóxica do noso sector turístico

mércores, 21 de xullo do 2021 S. P.

Este 21 de xullo celebrouse en Vilagarcía a presentación do futuro centro de fabricación avanzada Galicia TurisTIC. Na cita participou o conselleiro de Economía, quen salientou que TurisTIC funcionará “como un polo tecnolóxico para impulsar a dixitalización do sector turístico e contribuír á creación de emprego de calidade no Salnés e en Galicia, así como á retención de talento”. O seu obxectivo específico será fomentar a creación de produtos e empresas de alicerce tecnolóxico na cadea de valor do eido turístico galego.
A iniciativa forma parte dos sete centros de fabricación avanzada que está a impulsar o Goberno galego grazas á colaboración público-privada a través dun investimento de case 27 M€, contía da cal a Xunta achega preto do 76%. O obxectivo é potenciar sectores como o turismo, o agroalimentario, o loxístico, o biotecnolóxico ou o das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para ofrecer toda unha infraestrutura de recursos e servizos tecnolóxicos ás pemes galegas.
Volvendo a TurisTIC, trátase dunha iniciativa impulsada con investimento público (400.000 euros) que xorde do traballo conxunto entre administracións autonómica e local e empresas e entidades como o Clúster de Turismo de Galicia e o de TIC de Galicia; Turismo de Galicia; as Cámaras de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía; a Autoridade Portuaria de Vilagarcía; e a Mancomunidade do Salnés.
Nas súas instalacións, que abranguen 275 m², Galicia TurisTIC dará acubillo a tres laboratorios (de Intelixencia Artificial e análise de información a gran escala —big data—; de dispositivos intelixentes; e de Realidade Virtual e Aumentada); unha área de formación no eido tecnolóxico; unha área de demostración para clientes públicos e privados; e outra de emprendemento para novas firmas innovadoras.

PUBLICIDADE