Twitter e Facebook enfrontan ataques de denegación de servizo

xoves, 6 de agosto do 2009 Marcus Fernández

Tanto Twitter coma Facebook recoñecían o ataque a través de microblogging

O pasado serán os usuarios de Twitter non podían acceder ao servizo durante máis de 2 horas por mor dun ataque de denegación de servizo que tardou bastantes horas en quedar totalmente solucionado (despois das primeiras horas críticas o sistema tardou en recuperar a estabilidade). Cando Twitter cae por motivos técnicos normalmente amosa unha páxina de erro facilmente recoñecible, pero nesta ocasión a web estaba inaccesible por tratarse dun ataque en vez dun fallo técnico.
Pero o máis abraiante deste fallo técnico é que cando os usuarios acudían a Facebook para ver se alí había comentarios sobre a caída de Twitter atopaban que esta plataforma para redes sociais tamén estaba a presentar problemas de funcionamento, resultando practicamente imposible publicar contidos durante moitos momentos, o que finalmente confirmaron que era outro caso de ataque de denegación de servizo, de xeito que é doado pensar que os atacantes poderían ser os mesmos, nun ataque sincronizado, o que cobra máis peso cando informan de que a plataforma de blogs LiveJournal tamén está a ter problemas semellantes.
É certo que moitas veces, cando cae un servizo web, as plataformas alternativas teñen problemas por mor da vaga de usuarios que chega de súpeto, pero nesta ocasión parece que estamos ante un ataque coordinado, do que é de agardar que coñezamos máis detalles nos vindeiros días.