Twitter mudará as súas normas para recoñecer que dá carta branca a Trump

martes, 26 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Nos últimos anos puidemos ver como o presidente dos EE.UU., Donald J. Trump, falaba sen cancelas a través de Twitter, sendo frecuentes os insultos e as ameazas, que incluso chegaron a provocar incidentes diplomáticos (Corea do Norte considerou unha declaración de guerra un dos seus chíos) o que levou a moitos usuario da plataforma social a preguntar abertamente por que non se eliminaban esas mensaxes de Twitter, xa que claramente incumprían as normas do servizo e chíos moito menos agresivos si foron eliminados no pasado.
Está claro que a situación actual non pode sosterse, e a dobre vara de medir empregada por Twitter vai en contra das súas propias normas, polo que podería provocarlles serios problemas legais, de aí que agora realicen unha declaración pública anunciando que dentro dos factores que analizarán á hora de considerar se eliminan un chío estará a súa noticiabilidade, ou sexa, que se consideran que unha mensaxe é de interese público non emprenderán accións contra a mesma, e así o reflectirán nunha nova redacción das súas condicións de uso.
Realmente dende Twitter xa seguían tal política, pero non o recoñecían publicamente, de xeito que a modificación das súas normas será un acto de transparencia que explicará como é posible que moitos dos chíos de Trump poidan permanecer publicados, ou sexa, que na práctica estarían a dar ao presidente norteamericano carta branca para dicir o que queira a través de Twitter.

PUBLICIDADE