Twitter permitirá seguir a segunda parte de varios partidos da NBA centrando a acción nun único xogador

venres, 11 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Twitter ten unha estreita relación coa televisión en directo grazas ás súas posibilidades de comunicación en tempo real ao redor de cancelos, o que queren potenciar especialmente no ámbito do deporte, e unha das ligas que vai facer un maior aproveitamento destas posibilidades será o baloncesto, xa que a NBA, Turner Sports e Twitter veñen de pechar un acordo de colaboración moi curioso que consistirá na retransmisión a través de Twitter da segunda parte de 20 dos partidos da NBA que emitirá esta tempada a TNT cunha grande curiosidade: a cámara centrarase nas accións nun único xogador, que será elixido pola audiencia a través dunha votación en Twitter.
Queda por ver realmente resulta interesante ver os movementos dun único xogador durante 24 minutos, pero este experimento servirá para probar un novo uso de Twitter como segunda pantalla.
Pero esta non é a única novidade de Twitter relativa ao mundo da televisión, xa que a plataforma social tamén pechou un acordo para programas especiais para despois da emisión de cada episodio da derradeira tempada de Game of Thrones, buscando así centrar o debate sobre o acontecido en cada unha das entregas que porán fin a unha serie de ficción que tanto éxito tivo internacionalmente e cunha forte proxección na Rede (onde non cesan rumores, comentarios e mesmo filtracións, amplificando o impacto da produción televisiva até unha escala sen precedentes).

PUBLICIDADE