UCGAL advirte que o ERE de Vodafone afondará nunha perda de calidade

luns, 21 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) vén de emitir un comunicado no que se alerta das consecuencias que poderá ter o ERE anunciado os días pasados pola operadora de Vodafone, un proceso de regulación de emprego que implicará importantes prexuízos para os traballadores e traballadores da firma (a medida podería afectar a 1.200 persoas) pero, tamén, en palabras de UCGAL, para a comunidade de usuarios dos seus servizos. No comunicado, asinado tamén pola Asociación de Internautas (AI) e a Asociación Pro Dereitos Civís, Económicos e Sociais (ADECES), faise saber que esta caída na calidade do servizo da que se advirte xa se detectou en 2018 a través de diversos estudos. Daquela, sinálase, a puntuación nos parámetros xa rexistraba niveis mínimos entre os operadores de telecomunicacións.
Para estas asociacións é “plausíbel que o deterioro que vén rexistrando o operador teña a súa orixe nos sucesivos ERE acometidos desde 2013”, ano no que afectou ao 21% do persoal (900 de 4.300 traballadores). A isto, engaden, cómpre engadir a fusión con Ono, en 2015, que derivou noutro proceso de redución do equipo laboral que afectou ao 16% do total dos empregados.
As entidades de consumidores lembran que o expediente anunciado afectará case a unha cuarta parte do persoal da compañía de telecomunicacións, e que este expediente, unido aos anteriores, “é imposíbel que garanta uns niveis de calidade de servizos e atención ao cliente apropiados”.
As asociación tamén recordan que en 2018 diferentes estudos de seu reflectiron “baixos índices de calidade que este ano irán seguramente a máis”. Nun dos últimos informes publicados (finais de 2018), elaborado por ADECES, avalíase a atención ao cliente, un dos parámetros “máis afectados polos sucesivos recortes” e que “probabelmente agudizará o seu deterioro logo do ERE de 2019”. Neste estudo Vodafone obtiña unha puntuación media total de 5,39 puntos. Isto, explican, será aplicábel a outros eidos de actividade, como a asistencia técnica e a atención comercial, nos que Vodafone ocupou os últimos postos no ano que vimos de deixar atrás. Semellante tónica acadouse na investigación lanzada por AI no segundo semestre de 2018 sobre banda larga. Este informe puxo de manifesto que Vofadone “obtivo a peor puntuación posíbel en calidade de Internet móbil, só 4,13 puntos”.

PUBLICIDADE