UVigo e atlanTTic impulsan unha rede única 5G e 6G de referencia internacional

xoves, 26 de febreiro do 2026 S. P.

A Universidade de Vigo compartiu novidades sobre a nova rede activada no campus de Lagoas-Marcosende: unha nova infraestrutura experimental de comunicacións móbiles avanzadas que permitirá desenvolver e validar tecnoloxías 5G avanzada e 6G en contornas reais. Os detalles deste equipamento foron compartidos este mércores 25 nun acto celebrado no edificio Redeiras.
A rede estrutúrase arredor de dous proxectos financiados polo Ministerio de Transformación Dixital a través do programa UNICO I+D 6G: DEN6, un espazo definido por software, dinámico e actualizable, e mmDEN6, que estende as capacidades cara as frecuencias de ondas milimétricas para o estudo de redes ultradensas 6G, cun investimento total de preto de 4 millóns de euros. Ademais, a infraestrutura complétase con máis de 3 millóns de euros destinados á adquisición de equipamento punteiro de xeración e medida.
Durante a súa intervención, Felipe Gil Castiñeira, investigador de atlanTTic e responsable do proxecto na UVigo, sinalou que “estamos ante unha rede única experimental a nivel europeo no sentido de que conta cunha cantidade moi elevada de compoñentes, un número moi elevado de estacións base de radio, equipos de cómputo, sistemas de comunicación ópticos.. . É un campo de probas no que poderemos implementar unha cantidade enorme de alternativas que noutros sitios non é posible”.
Gil manifestou a súa expectativa de que poida ser “un laboratorio vivo que poida avanzar nas novas tecnoloxías cara a redes de sexta xeración".
No acto de presentación, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asegurou que esta rede experimental “vai na liña que nós pensamos que debe seguir Europa, que ten que ocupar un lugar no mundo e ese lugar ten que ser prioritario. Temos que facer o esforzo de estar en primeira liña en todas as innovacións tecnolóxicas, especialmente naquelas que son disruptivas”.
A presentación completouse cun relatorio sobre a evolución das redes 5G cara o 6G presentado por Alejandro Alonso Portero, experto en Innovación e Evolución de Rede en Telefónica de España e unha mesa redonda sobre a aplicación das redes experimentais como impulsores do I+D, que foi moderada por Javier Martínez Borreguero, Industry 4.0 Global Head en Telefónica Tech, e na que participaron Pili Chapela, directora de RETEGAL; Isaac Ballesteros, CTO de Centum; Fernando Lamela, director de Tecnoloxía 5G en Optare Solutions; e Pablo Fondo Ferreiro, investigador sénior en atlanTTic.
Matías González Martín, secretario xeral de Telecomunicacións, Infraestruturas Dixitais e Seguridade Dixital, Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública, foi o encargado, a través de videoconferencia, de pechar o acto celebrado este mediodía.
Cobertura integral e investigación en ondas milimétricas
Segundo fixeron saber, esta rede está orientada á posta en marcha de servizos de conectividade para probas experimentais científicas en contornos reais, e permite a experimentación en escenarios específicos como industria 4.0, vehículos conectados e autónomos, lecer dixital, mobilidade intelixente ou educación inmersiva, entre outros.
Felipe Gil Castiñeira salientou que “non estamos ante unha rede comercial ao uso, senón ante un banco de probas avanzado que nos permite modificar desde a capa física ata o núcleo da rede, algo que sería imposible nunha infraestrutura pechada”.
Esta capacidade, lembrou, débese á integración de equipamento comercial de última xeración con sistemas de Radio Definida por Software (SDR) e arquitecturas baseadas en SDN/P4, que posibilitan a validación de novos protocolos, formas de onda e solucións completas de rede.
A infraestrutura cobre espazos exteriores e interiores do campus mediante 15 estacións base (gNB) distribuídas en cinco emprazamentos estratéxicos do campus: a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o edificio Exeria, o de Deportes, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e CINTECX. Opera en varias bandas, incluíndo 26 GHz, o que permite investigar en ondas milimétricas e emular contornos ultradensos de moi baixa latencia.
“O despregue masivo en banda milimétrica é clave para preparar o salto cara ao 6G”, sinalou Felipe Gil, engadindo que “nos permite estudar a xestión eficiente de mobilidade en redes ultradensas, a migración dinámica de aplicacións en Edge e a automatización baseada en intelixencia artificial”. Cada emprazamento conta ademais con capacidades servidores de computación Edge (MEC), o que posibilita o procesado distribuído na periferia da rede e reduce a latencia en aplicacións críticas como o control de drons ou vehículos autónomos.
Explicou tamén que a rede permitirá desenvolver e validar solucións en ámbitos como o vehículo conectado e autónomo, a industria 4.0, a operación de drons con procesado en Edge ou a realidade estendida (XR), así como investigar en network slicing dinámico, itinerancia entre distintos núcleos e sincronización precisa para aplicacións industriais.