Uber e Cabify mantéñense na loita do Supremo contra os novos controis sobre as licenzas VTC

martes, 19 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Élite Taxi leva tempo esixindo a limitación de licenzas VTC

O conflito do sector do taxi contra as novas plataformas en liña parece avanzar contra os primeiros, pois o Tribunal Supremo vén de acordar desestimar o recurso presentado pola asociación profesional Élite Taxi que pretendía evitar que Uber e Cabify fosen da man da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) no seu litixio contra o regulamento das licenzas de vehículos con condutor (VTC), de xeito que Élite Taxi terá que pagar as costas.
O Supremo considerou que o feito de que Uber e Cabify sexan sociedades intermedias entre usuarios finais e titulares de licenzas VTC «outórgalles unha clara lexitimación posto que o regulamento do arrendamento de vehículos con condutor afecta directamente á actividade desenvolvida por elas», de xeito que estarán no lado ca CNMC contra o decreto ley do Ministerio de Fomento que impulsa máis controis no sector das VTC, que a Comisión considera «innecesarios e desproporcionados» e que «encobren razóns de natureza económica en beneficio da actividade do autotaxi».
Cómpre lembrar que a CNMC ten unha clara postura favorable aos novos modelos económicos (posición acorde á promovida dende Bruxelas) de xeito que piden o desregulamento do taxi, os autobuses e as vivendas turísticas en España.

PUBLICIDADE