Ubisoft+ chega a Stadia

martes, 15 de decembro do 2020 Marcus Fernández

A incorporación de varios xogos de Assassin’s Creed a Stadia serviu de detonante para o lanzamento de Ubisoft+ nesta plataforma (nos EE.UU.).

O servizo de xogo na nube de Google, Stadia, está a dar un dos seus pasos evolutivos máis importantes: a chegada de Ubisoft+. Ou sexa, que os subscritores do servizo de xogos de Ubisoft que conta con máis dun cento de xogos para PC poderán acceder a moitos destes títulos a través de Stadia se ligan a súa conta de Ubisoft.
Concretamente os xogos que terán dispoñibles os subscritores de Ubisoft+ en Stadia son Assassin’s Creed Odyssey, Assassin’s Creed Origins, Assassin’s Creed Syndicate, Assassin’s Creed Unity, Assassin’s Creed Valhalla, Far Cry 5, Far Cry New Dawn, Immortals Fenyx Rising, Monopoly, Tom Clancy’s Ghost Recon Breakpoint, Tom Clancy’s Ghost Recon Wildlands, Tom Clancy’s The Division 2, The Crew 2, Trials Rising, UNO, Watch Dogs, Watch Dogs 2 e Watch Dogs: Legion.
Ubisoft+ ten un prezo de 14,99 euros/mes e facilita tanto o acceso a un completo fondo de catálogo como aos novos lanzamentos de Ubisoft na súa versión premium (ou sexa, incluíndo expansións, pases de tempada e outros contidos adicionais), pero coa súa incursión en Stadia dan un interesante paso adiante, aínda que polo momento está opción só estea dispoñible nos EE.UU.
Esta fórmula coa que Google ofrece a súa plataforma a Ubisoft resulta moi interesante, e podería imporse nas distintas plataformas de xogo na nube, de xeito que as compañías non teñen por que lanzar un servizo de seu, senón que poden aproveitar as principais plataformas de xogo en streaming para lanzar os seus servizos de subscrición, ofrecendo así aos xogadores unha opción máis de gozar dos seus lanzamentos, para que cadaquén elixa a opción que lle resulte máis práctica.