Un blog amosa como falar e escribir en xaponés a través da publicidade

xoves, 11 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

O blog Japanese Ads é ideal para quen: 1º Queira aprender a falar e a escribir xaponés. 2º Para quen estea disposto a facelo a través de sesións de visionado de múltiples exemplos de publicidade e estea seguro de que non vai sucumbir na tentativa. A fin de contas e, aínda que en ocasións nos custe recoñecelo, estamos tan familiarizados cos códigos da publicidade que poderíamos descrifalos até debaixo de auga e sen lentes.
Así que, porque non entrar en contacto cun idioma descoñecido a través dun terreo común? Esa mesma pregunta se deberon facer os responsables desta bitácora, que foi posta en marcha hai apenas un mes e na que ofrecen a cotío imaxes de anuncios de Xapón con comentarios sobre os mesmos.
O obxectivo dos seus responsables é facer algo útil no que se refire a achegar coñecemento sobre a gramática e o vocabulario do seu país. A iniciativa baséase tamén no seguinte argumento: os anuncios son un bo xeito de albiscar a cultura popular dun país e a versión de uso cotiá da súa lingua, “xa que inclúen con frencuencia argot, discursos familiares e mesmo versións dialectais que non se expoñen normalmente ós estudantes das diversas academias”, explican os autores do blog.