Un blog para cada cidadán acada en Lugo 1.700 visitantes e medio centenar de cadernos

luns, 9 de outubro do 2006 Raquel Noya

Con máis de 1.700 visitantes e até medio centenar de cadernos creados, a plataforma de blogs de Europa Press e o Concello de Lugo cumpre xa o seu quinto mes de andaina na Rede. Esta iniciativa, integrada na campaña Un blog para cada cidadán da devandita axencia de novas, permite que veciños e integrantes de asociacións do concello poidan crear os seus propios cadernos persoais nos que publicar inquietudes, peticións ou ideas para o resto da comunidade local virtual de Lugo. A súa páxina web, que dende a súa inauguración xa recibiu unhas 3.159 visitas, permite o acceso (entre outras moitas), á bitácora do alcalde da cidade, Xosé López Orozco, quen relata nela feitos e ideas que lle acontecen fóra da súa vida como edil.
Ademais, outros colectivos da cidade tamén teñen a súa propia páxina na plataforma, como é o caso do grupo Bookcrossing, que a través do seu blog Lugo Lee, publica as súas actividades e citas de distribución libre de libros ou o Foro de debate, creado por un grupo de veciños e que integra diversas temáticas das que poder opinar libremente.

PUBLICIDADE