Un concurso de curtas feitas co móbil propón amosar o futuro de Galicia grazas ás TIC

luns, 8 de setembro do 2014 Redacción

A AMTEGA vén de publicar no blog Axenda Dixital 2020 as bases do concurso Curtas co Móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020 dirixido a mozos e mozas matriculadas na ESO ou Bacharelato de Galicia, de entre 14 e 18 anos. É unha das iniciativas do proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020, a futura estratexia tecnolóxica global da Xunta.
Os obxectivos do certame son explorar a creatividade audiovisual dos mozos e mozas a través da gravación de curtametraxes, fomentar o traballo en equipo e o uso da lingua galega, así como sensibilizar sobre a importancia do desenvolvemento tecnolóxico da Comunidade e dar a coñecer a estratexia tecnolóxica global impulsada pola Xunta de Galicia.
Neste concurso de curtas co móbil os mozos e mozas poderán participar tanto individualmente como por grupos dun máximo de 5 persoas, e amosar a súa destreza cinematográfica coa gravación dun vídeo dun máximo de 3 minutos de duración onde se visualice como imaxinan que a tecnoloxía transformará Galicia no futuro. Cada equipo designará un titor que forme parte do persoal docente do centro educativo. A súa tarefa será velar polo cumprimento das normas do concurso e levar a cabo a inscrición e a entrega das curtas para o concurso.
O prazo de presentación de solicitudes e os seus correspondentes vídeos abrirase o 15 de setembro e rematará o 30 de outubro de 2014.
Os vídeos recibidos publicaranse no Blog XenteDixital e nas redes sociais da AMTEGA e serán valorados por un xurado especializado no ámbito da Sociedade da Información e as TIC, formado por 2 representantes da AMTEGA, 1 representante da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e 1 profesor de ESO/Bacharelato, que preseleccionará os cinco vídeos finalistas.
Os vídeos finalistas serán publicados en Facebook, onde calquera internauta que o desexe poderá votar o vídeo que considere que mellor representa o futuro de Galicia a través das TIC. Os vídeos gañadores serán os dous que máis gústame obteñan dentro do apartado. O premio consistirá nun tablet para cada alumno responsable do vídeo máis votado e unha minitablet para cada un dos alumnos responsables do segundo vídeo máis votado.

PUBLICIDADE