Un encontro afonda nas posibilidades de traballo que a Internet ofrece para a creación audiovisual

xoves, 9 de novembro do 2017 Redacción

O Paraninfo da Universidade da Coruña acolleu hoxe o encontro Novos modelos profesionais para o audiovisual enmarcado nas actividades do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC) pertencente ao programa Coruña Dixital, no que creativos deste sector, xunto con empresas produtoras, axencias de publicidade e marcas, afondaron nas distintas posibilidades de traballo que os novos medios están traendo para a industria audiovisual, máis alá dos soportes tradicionais do cine e a televisión.
O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande abriu esta xornada que organiza a súa concellaría coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual. O obxectivo do encontro era coñecer de preto o novo escenario no que moitos profesionais están empezando a traballar, que é a produción audiovisual deseñada para a difusión en internet, con fins promocionais ou comerciais, e moitas veces encargada directamente polas propias marcas.
A sesión matinal dividiuse en dous paneis. O primeiro, co título A quen lle vendo o meu traballo? Novos formatos, novos clientes, novos mercados, reuniu a creadoras, realizadores e produtores audiovisuais como Álvaro P. Becerra (Ainé Producións), Isabel Vila, creadora gráfica e animadora, JS Raimundi (Ziwa) e Adolfo Ponte Velasco (Milana Bonita Producciones), nunha mesa moderada polo presidente da Academia, o guionista Carlos Ares.
A continuación, no panel Máis alá do spot: o vídeo na publicidade dixital. Formatos e soportes foron as marcas e as axencias de mercadotecnia en liña as que tomaron a palabra para dar a visión desde o outro lado deste ecosistema, o que xera a demanda de creación de vídeo na Internet. Falaron Gabriel Barrós, director de comunicación do RC Deportivo da Coruña, David Fernández, brand manager de Cabreiroá, e Fátima Carmena, directora de proxectos de Nasas, axencia creativa de mercadotecnica en liña.
A xornada continuou pola tarde cunha sesión de speed-dating na que 10 creadores e 10 empresas puideron conversar durante 10 minutos para coñecerse, ofrecer servizos e explicar as súas necesidades. E pechouse cun coloquio sobre as condicións profesionais deste sector emerxente e a proposta dun código de boas prácticas a seguir por clientes, axencias, produtoras, e profesionais asalariados e autónomos.

PUBLICIDADE