Un estudo conclúe que Galicia está entre as comunidades que máis usan os medios dixitais
venres, 24 de marzo do 2023- De esquerda a dereita, Sergio Martín, Ana Isabel Rodríguez, Antonio López, Josep Alonso e Fernando Jáuregui. FOTO: Santi Alvite
O pasado mércores, 22 de marzo a Facultade
de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de
Compostela (USC) facía público o resultado dunha sondaxe de cinco
mil mostras sobre o consumo de prensa en papel
elaborada por Metroscopia e a Fundación AXA para o foro independente
Xorn. As conclusións tiradas deste traballo de investigación din
que Galicia atópase á cabeza do consumo de prensa en papel, amais
de ser a comunidade que se declara máis informada no referente á
actualidade política e tamén a de maior consumo de medios dixitais.
O reitor da USC, Antonio López; a decana do centro, Ana Isabel
Rodríguez; o presidente da Fundación AXA, Josep Alonso; o
presidente do Foro Xornalismo 2030, Fernando Jáuregui; e o seu
director, Sergio Martín, foron os encargados de dar conta dos
resultados deste estudo.
Segundo os datos obtidos, Galicia salienta en canto á esixencia de
que, para que unha sociedade sexa realmente libre e democrática,
existan medios de comunicación de calidade, libres e independentes.
Un 91% dos enquisados polo foro Xornalismo 2030 así o cre, unha
porcentaxe que se rebaixa algo, ata o 87%, no conxunto de España.
Igualmente os galegos e galegas son os primeiros do Estado (un 86%) á
hora de opinar que unha ampla diversidade de medios informativos
independentes permite detectar e controlar os abusos de órganos ou
institucións poderosas, sexan públicos ou privados.
A sondaxe evidencia que as persoas galegas se senten mellor
informadas (86% fronte ao 83% da media estatal), máis interesados na
política do Estado (77 fronte a 69%) e na información local, que é,
en todo caso, a que máis atención reclama á cidadanía en España.
En canto á lectura de xornais de papel, que é a principal fonte de
información para o 46% fronte ao 33% a nivel estatal. Engadir que os
e as galegas prefiren os medios privados fronte aos públicos á hora
de informarse, 28 fronte ao 23%, mentres que, a escala estatal é á
inversa: 21 fronte ao 33%.
Se a análise é por idades, a cousa muda moito, o uso dos medios
máis tradicionais non é para os máis novos que prefiren informarse
polas redes, nas que confían moito máis que os seus maiores.
Apréciase nas respostas a procura por parte da mocidade de novas
redes sociais, que case non empregan os maiores. Un 41% dos galegos
usa TikTok, un 57% non o emprega nunca, e un 23% usa Twitch. Un 39%
cre que as redes son unha fonte de información “realmente fiábel”
fronte ao 34% que non o cre así. Un 59% dos enquisados entre 18 e 29
anos amosa gran confianza nas redes, mentres que esta porcentaxe
descende ao 28% no caso dos maiores de 65 anos.
Galicia tamén salienta no que se refire á valoración do chamado
xornalismo cidadán: un 69% está de acordo coa afirmación de
que “calquera experto nun tema concreto pode informar directamente
sobre o mesmo de maneira axeitada e comprensíbel sen necesidade de
axuda ou intervención dun xornalista”, fronte ao 15% que o
rexeita. Con todo, un 57% cre que “presenciar un feito non converte
a ninguén en xornalista, xa que para informar de forma fiábel e
veraz só un xornalista profesional sabe como contrastar e avaliar
informativamente o que ocorre”.
En resumo, a enquisa, que en Galicia recolleu case trescentas
mostras, indica que os galegos se senten bastante ou moi informados,
que saben xeralmente detectar as novas falsas (fake news) e
que están lixeiramente máis dispostos que a meirande parte dos
españois (28 fronte a 24%) á hora de subscribirse a algún diario
de papel, dixital ou muro de pago. Asemade, amósase unha actitude
crítica fronte á información que reciben: un 56% desconfía de que
os medios sexan realmente libres e independentes fronte a un 41% que
cre que “sempre ou a maior parte das veces” os medios informan
libre e independentemente. Esta crítica esténdese á pregunta sobre
se os medios españois distinguen axeitadamente entre información e
opinión: un 68% cre que non, fronte ao 64% que opina o contrario.
Para rematar, a valoración positiva dos medios aumentou tras a
pandemia en relación con sondaxes anteriores elaboradas por
Xornalismo 2030. Un 40% dos galegos cre que os medios de comunicación
achegan unha visión fiábel da vida política e social, mentres que
un 35% pensa o contrario.