Un estudo ourensán lembra que o ciberabuso na mocidade vén sobre todo da man dos mozos
venres, 17 de febreiro do 2017
O
acoso a través das canles dixitais en calquera das moitas
manifestacións (ciberbullying, sexting, etc) está
a ser fondamente estudado polas investigadoras da nosa terra. Un bo
exemplo de análise pormenorizado destas prácticas vén de chegar da
man de María
Victoria Carrera, profesora da Facultade de Ciencias da Educación do
Campus de Ourense, quen aborda nun
estudo estes fenómenos desde unha perspectiva na que se atende tamén
ás dimensións de xénero e etnia.
Entre as principais conclusións do seu exhaustivo informe figuran,
entre outras, as seguintes: as mensaxes ferintes ou ameazantes son
hoxe por hoxe a principal manifestación do ciberacoso nas nosas
vilas e
cidades; ademais,
os principais responsábeis das
mensaxes insultantes, violentas ou denigrantes son
os mozos. Por outra banda,
medran ao abeiro das canles TIC as actitudes racistas e sexistas.
No
estudo, financiado na convocatoria de axudas a proxectos de
investigación INOU2016, participaron 623 adolescentes da cidade de
Ourense, un 53% mozas e un 47% mozos, escolarizados nos dous últimos
cursos de Educación Secundaria Obrigatoria do curso escolar
2016/2017, sendo a media de idade de 14.73 anos. O obxectivo xeral da
investigación, en palabras da autora, oriéntase ao estudo da
permanencia do ciberbullying, así como “a influencia dos
estereotipos de xénero e as actitudes sexistas cara a diversidade
sexual e etnocentristas na participación como agresor ou agresora
nos diferentes tipos de malos tratos entre iguais”.
Segundo
apunta a investigadora, todas as condutas de abuso e ciberabuso
estudadas prodúcense nos centros escolares ourensáns, cunha
relación inversa entre as condutas máis severas e a súa
manifestación. En relación ao acoso por teléfono móbil ou
Internet as situacións con maior incidencia detectadas son enviar
mensaxes ameazantes ou insultantes a outras persoas; escribir
brincadeiras, rumores, chismes ou comentarios que poñen en ridículo
a un compañeiro ou compañeira; difundir segredos, información ou
imaxes comprometidas de alguén; pendurar ou enviar imaxes de
compañeiros ou compañeiras que poden ser humillantes; apartar a
alguén de modo intencional dun grupo nunha rede social ou enviar a
outras persoas ligazóns con rumores ou dixomedíxomes sobre un
compañeiro ou compañeira.
No
que atinxe o ás situacións de ciberabuso con menor incidencia son
“gravar vídeos ou facer fotos a un compañeiro ou compañeira
nalgún tipo de comportamento de carácter sexual ou mentres é
golpeado ou humillado por outras persoas, e pendurar ou enviar estes
vídeos e imaxes”. A incidencia detectada, apunta, “é semellante
á doutros estudos que a analizaron”.
Como
dixemos, no estudo certifícase que eles son máis violentos e
abafantes ca elas. En cuestión de vítimas e da súa perpetuación,
pola contra, a investigación non achou diferenzas significativas en
función do xénero, aínda que se observan maiores niveis de
“vitimización” por acoso nos mozos, mentres que no caso do
ciberacoso as puntuacións son maiores nas mozas. Ademais, engade
María Victoria Carrera, “os mozos apoian máis significativamente
ao agresor ou agresora mentres que as mozas apoian máis
significativamente ao defensor ou defensora da vítima”.
Como
conclusión do estudo, a investigadora recalca como “estes datos
poñen de manifesto que para previr o fenómeno do ciberbullying
é preciso levar a cabo programas educativos inclusivos que promovan
a empatía e a ética do coidado, actitudes non sexistas, así como
actitudes positivas cara a diversidade sexual e cultural”.