Un fallo de seguridade de Facebook podería ter afectado a 90 millóns de usuarios

luns, 1 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Facebook recoñeceu publicamente que o pasado 25 de setembro detectaron unha vulneración da seguridade que afectou cando menos a 50 millóns de contas de usuario, polo que iniciaron unha profunda investigación que aínda está en curso, e que tiraba proveito dun fallo de seguridade que xa está corrixido.
A vulnerabilidade residía no código que permite que un usuario poida ver as súas publicacións como se fose outro usuario, momento no que facilitábase o roubo dos token de acceso, o que facilita a usurpación das identidades sen precisar das credenciais de acceso. Ante esta situación Facebook reiniciou os token de acceso de máis de 50 millóns de contas de usuario, e como precaución fixeron o mesmo con outras 40 millóns de contas que utilizaron o código co fallo de seguridade no último ano. Deste xeito, os afectados recibirán unha invitación para volver a identificarse e tamén reciben nese momento información sobre o acontecido.
Polo momento descoñécese quen está detrás desta filtración de datos e, en contra do acontecido con filtracións anteriores, os usuarios non terán que mudar de contrasinal, xa que tal información permaneceu segura en todo momento. Aínda que tamén existe a posibilidade de que os token puidesen aproveitarse para acceder a outros servizos que permitisen identificarse coa nosa conta de Facebook, aseguran que non detectaron actividade deste tipo, para tranquilidade dos usuarios.

PUBLICIDADE